Sunday 19 de May de 2024

Nava Castro destaca que é primordial contar cunha oferta turística accesible para consolidar un destino diferenciado


Turismo de Galicia, en colaboración de PREDIF, está a desenvolver distintas mesas de discusión e entrevistas para analizar o estado actual do turismo accesible en Galicia e a accesibilidade dos seus recursos e servizos turísticos

Turismo de Galicia, coa colaboración da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF), está a desenvolver o Plan de Accesibilidade Turística de Galicia o cal inclúe un plan específico de diagnóstico e execución para a accesibilidade do Camiño de Santiago.

O plan analiza o estado actual do turismo accesible en Galicia e a accesibilidade dos seus recursos e servizos turísticos co obxecto de deseñar e comercializar experiencias inclusivas.

En base ao resultado obtido no diagnóstico da situación actual estableceranse as estratexias e accións necesarias a levar a cabo para mellorar a competitividade do destino e para converter a Galicia nunha referencia de accesibilidade turística.

No marco deste plan, Turismo de Galicia, en colaboración con PREDIF, está a celebrar distintas mesas de discusión e entrevistas para coñecer a opinión e as necesidades percibidas polos profesionais do sector e xestores dos destinos turísticos galegos neste ámbito.

Así mesmo, para coñecer a opinión dos clientes potenciais do turismo inclusivo, estes workshops contan coa participación das entidades sociais que representan ás persoas con discapacidade en Galicia e a asociacións de peregrinos locais.

Deste xeito, durante tres xornadas, o Centro Superior de Hostalería de Galicia, acolleu un total de seis mesas nas que participaron profesionais do sector turístico tanto público como privado e representantes do movemento asociativo de persoas con discapacidade e asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

Na xornada de hoxe participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora de PREDIF, Elena Ortega.

Durante a celebración da mesma, a directora de Turismo de Galicia destacou que o incremento dos destinos e a oferta turística accesible en Galicia é primordial para consolidar un destino diferenciado, con oferta específica para todo tipo de segmentos e caracterizado pola atención de calidade ao viaxeiro.

Neste senso, Nava Castro sinalou que o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle, na liña estratéxica de Galicia como destino ambiental, social e economicamente sostible, numerosas liñas de actuación que abordan o turismo accesible dunha forma integral. Así, explicou que dende Turismo de Galicia estanse a desenvolver múltiples accións formativas dirixidas aos profesionais do sector turístico, destinadas a dar a coñecer as vantaxes do turismo accesible para o sector e a ofrecer coñecementos e ferramentas para atender correctamente a este tipo de turistas.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta resaltou a posta en marcha de iniciativas cos establecementos turísticos de Galicia para que teñan claras as claves e axudas das que dispoñen para cumprir cos criterios de accesibilidade e a edición da primeira guía de aloxamentos turísticos accesibles de Galicia que ofrece aos turistas información obxectiva e veraz sobre as características de accesibilidade que presentan as diferentes categorías de aloxamentos da nosa comunidade.

A directora de Turismo de Galicia concluíu afirmando que “resulta fundamental que todos, sen ningunha distinción, podamos disfrutar de Galicia como destino turístico”.